comment 0

Do outro lado do Gran Sol

Nunca foi doado cruzar o Gran Sol. Pode que moitos dos que agora fagamos esa viaxe non saiamos de Bouzas ou A Palloza, senón desde Lavacolla. E tamén pode que non esteamos días a bordo, senón unhas horas nun avión.

Amais, a diferencia do que acontecía hai décadas, moitos levamos nos nosos “fardeis de eisiliados” títulos universitarios, horas de formación e unhas habilidades que non puidemos poñer en práctica en casa.

Pero emigrar sempre é difícil. Aínda que sexa a un lugar onde peta o mesmo mar e o ceo estea cuberto de nubes plúmbeas como as de Compostela.

Non é doado tampouco para alguén que sempre viviu nunha cidade (sexa Compostela, Barcelona, Girona ou Dublín ou nos seus arredores) desenvolverse agora nunha aldea irlandesa do condado máis pobre e despoboado.

Moitos diredes que para vós é normal, mais eu formo parte dun sector da mocidade galega que medrou sen aldea e de costas ao mundo rural.

Pero aquí estou, nun lugar onde a vida xira arredor dun pub-ultramarinos rexentado por unha señora que case non pode camiñar pola artrose. E ao que se chega por estradas onde non é dífícil atopar imaxes de virxes rodeadas de flores.

Un lugar con moitos puntos en común co noso país e no que podo facilmente sentirme na casa, pero ao que me custará adaptarme.

Ninguén dixo que fóra doado. Pero se fallan as forzas sempre podemos mirar cara os que deron ese paso antes ca nós e aprender deles, como Castelao e o seu Sempre en Galiza :

Aínda que os factores económicos fosen de abondo para esplicar o fenómeno migratorio de Galiza, é o certo que nós sabemos andar polo mundo á cata de benestar, e que os demais hespañoes morren de fame con tal de non enfiar camiños descoñecidos. Os galegos sabemos arranxar os papeis e pedir un pasaxe de terceira; sabemos agacharnos nas bodegas dun trasatlántico cando non temos diñeiro; sabemos pillar estradas cun fatelo ao lombo ou empurrando a roda de amolar; sabemos abrir fronteiras pechadas e pedir traballo en tódalas língoas; sabemos, en fin, canto debe saber un bo camiñante, aínda que o viaxe sexa o primeiro da nosa vida.

Pero sempre tendo presente que a nosa viaxe pasará, antes ou despois, polo lugar desde onde vemos e entendemos o mundo. Galiza.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s