comment 0

Ao fío da nova Lei de Comunicación de Ecuador (I)

Control, censura ou mordaza, foron algunhas das palabras empregadas nos últimos días para describir a nova Lei de Comunicación de Ecuador. Rafael Correa, presidente deste pequeno país latinoamericano desde 2006, adoita levarse mal cos medios de comunicación. Ou polo menos, cos medios tradicionais, que pola súa banda adoitan levarse mal con aqueles que contradín os seus seus intereses empresariais.

Dicía Camilo Taufic no seu libro Periodismo y lucha de clases:

É a propiedade sobre o medio de comunicación a que determina ao servizo de quen este se sitúa, a prol de que causa, de que valores, de que clase social.

Unha realidade que o presidente Correo resumiu en: “desde que se inventou a imprenta, a liberdade de prensa é a vontade do dono da empresa”, como declarou á xornalista de TVE Erika Reija nunha entrevista en directo.

Polo que non debe sorprender o conflito entre a autodenominada “Revolución cidadá” con intereses mediáticos que veñen de vello.

A existencia dunha lei de presa ou de comunicación pode semellan estraña no contexto español, xa que a última norma aprobada para este sector foi a Ley de 14/1966, de 18 de marzo, de Prensa e Imprenta, popularmente coñecida como Ley Fraga, polo nome do daquela ministro de Información y Turismo, Manuel Fraga Iribarne, derrogada por partes entre 1976 e 1978.

Porén, nos últimos anos houbo intentos de levar adiante leis deste tipo no Congreso español, mais nunca prosperaron pola falla de interese dos grupos maioritarios.

Após unha lectura do texto votado polo lexislativo ecuatoriano, a norma estabelece unha serie de principios que poden resultar moi positivos:

Censura e transparencia

Un dos elementos que cómpre destacar desta nova lei é a prohibición expresa da censura previa (art.18). Amais, no apartado referido ás responsabilidades dos medios de comunicación destaca esta misión:

Servir de canle para denunciar o abuso ou o uso ilexítimo que os funcionarios estatais ou persoas particulares fagan dos poderes públicos e privados (art. 71.6)

E máis adiante alerta:

Os funcionarios estatais serán responsábeis administrativa, civil e penalmente polas afectación aos dereitos da comunicación que non sexan expresamente autorizadas en virtude do estado de excepción.

E no referido ás concesións de radio e televisión:

En ningún caso, a administración do espectro radioeléctrico implica realizar actividades de control sobre os contidos dos medios de comunicación.

En principio, queda clara cal é a orientación da lei neste sentido.

Outros aspectos positivos, pero que se cadra non gusta ás grandes empresas, son o Principio de Transparencia (art.16), que os obrigará a difundir as súas políticas editoriais e o seu código deontolóxico (e a través de cal a audiencia poderá pedir responsabilidades), e a participación cidadá nos medios de comunicación, que haberá que ver como se artella na práctica.

Para acadar unha maior transparencia do gasto público en publicidade e propaganda, cada entidade pública elaborará un informe anual do gasto en realizado en cada medio, informe que será de acceso na web, e que de non facelo suporá unha sanción ao titular da entidade (art. 95 e 96).

Amais, coa entrada en vigor da nova lei prohíbese a concentración mediática e o control dos medios por parte de empresas estranxeiras.

Xornalistas

No que se refire aos profesionais, cabe destacar  a sección IV do Título II, onde se recollen os dereitos dos profesionais, entre os que destacan a cláusula de conciencia, o dereito a non revelar as fontes, o segredo profesional e a garantía dunha mínimas condicións laborais que garantan o correcto cumprimento do labor xornalístico.

Amais, esta nova regulación dá rango de lei ás normas deontolóxicas (art.10). A lei estabelece uns requisitos mínimos en base aos que os medios deberán redactar os seus propios códigos, evitando así que as normas ética fiquen no baleiro a “autorregulación” e a boa vontade.

No artigo 22, que recolle o dereito a recibir información “de relevancia pública veraz”, deféndese a necesidade dunha información contextualizada.

Multiculturalidade

Outro dos obxectivos da lei é recoñecer e promover a diversidade cultural e nacional de Ecuador, para o que se destinará un  5% da programación diaria. Deste xeito búscase reflectir a pluralidade do Estado, algo que semella impósibel na práctica no Estado Español.

A isto cómpre sumarlle a recoñecemento como dereito do acceso universal ás TIC e a obriga dos grandes anunciantes de dirixir o 10% da inversión publicitaria a medios de cobertura local ou rexional.

Amais, as minorías nacionais e outros colectivos poderán crear un novo tipo de medio, que se suma aos públicos e aos privados, que son os denominados “comunais”, para os que se reserva un 34% do espectro radioeléctrico.

Son simplemente algúns puntos que cómpre destacar desta nova lei. Os negativos ou os que poden xerar controversia, van noutro post.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s