comment 0

Fiar as lembranzas do Prestige

Retallos de lembranzas, anacos dun pasado que chegan á beira da memoria como as ondas do Atlántico e baten contra os cantís da consciencia.

A alongada sombra de Manuel Fraga, a imaxe do Prestige partido en dous, ou as praias cheas de chapapote nunha cantidade só comparábel aos litros de gomina usados por Arsenio Fernández de Mesa para comparecer ante os medios de comunicación.

Fragmentos dun pasado que algúns, se cadra por vivilo con 14 ou 15 anos, lembramos un chisco épico. A rabia, as primeiras manifestacións, ou descubrir a marxinación e o desamparo no vive unha cousa chamada Galiza.

Poñer orde esas lembrazas, atopar o fío condutor e poñer nome ás persoas e aos lugares dez anos despois resulta complicado. Para botar unha man na tarefa, acaba de saír do prelo o libro Prestige: Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro.

Pereiro, ex-xornalista de TVE e colaborador das masacradas páxinas de El País-Galicia, relata en 125 páxinas o que aconteceu naqueles días. A improvisación duns políticos ineptos, o papel de paisanos e voluntarios na limpeza, a reacción dun pobo e algunha anécdota dunha tal Letizia Ortiz.

Se cadra, como di o propio autor, non descubre nada novo, pero non por iso este libro deixa de ser necesario e oportuno.

Como oportuna e necesaria é a colección Xornalistas, de 2.0 Editora, inaugurada por José Precedo e o seu Conde Roa, caso perdido. Un espazo onde os xornalistas poden estenderse máis nas páxinas dos poucos xornais que van quedando.

Porén, sería de agradecer libros dun formato algo máis grande (e edicións electrónicas), pois ás veces para ler cómpre abrilos até tal punto que semella que van romper.

Amais, o corpo de letra tan miúdo das notas a rodapé incomado a lectura destes imprescindíbeis apuntamentos.

Tamén os documentos reproducidos nas páxinas precisan dunha calidade maior, pois algún é moi difícil descifralo, co que se perde a achega que fan ao texto.

A pesar destes problemas de edición, o libro vale a pena. Porque para seguir adiante ás veces cómpre ollar cara atrás. E xa postos, que nolo conte Pereiro.

E rematar coa a cita de Aldous Huxley coa que o autor comeza o derradeiro capítulo do libro: “a experiencia non é o que che sucede, senón o que fas co que che sucede”. Algo que os galegos deberiamos ter gravado na memoria.

Nunca Máis

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s